Somos un colectivo nacionalista comprometido coa defensa da identidade nacional da nosa terra. Un colectivo que loita por un nacionalismo aberto, integrador, tolerante, moderno e cosmopolita. Que defende un novo modelo territorial de Galicia no Estado Español, apostando por unha relación de tipo confederal entre ambos.
Somos un colectivo interclasista, aberto a todos os galegos e galegas con independencia da súa condición social ou hábitat de procedencia. Un colectivo que defende os intereses da sociedade en xeral fronte os intereses dunha clase social en particular. Que loita por unha sociedade na que os diferentes segmentos sociais, lonxe de enfrontarse entre si, traballen xuntos polo ben común.
Somos un colectivo europeísta e aberto ao mundo. Comprometido por unha Galicia forte e con voz directa en Europa, que cre nunha Europa sólida e unida no mundo. Un europeísmo que loita polo recoñecemento da Europa dos Pobos fronte a caduca visión da Europa dos Estados. Que aposta polos intereses comúns de todos os europeos fronte aos intereses particulares dos estados membros que a integran.
Serán por parte nosa obxectivos a defender:
- A aposta por unha sociedade xusta e cívica, na que haxa una clara defensa das liberdades individuais e colectivas, a paz, a solidariedade e a igualdade de oportunidades. Nun mundo onde se loite contra a pobreza e as inxustizas sociais e onde o racismo e a xenofobia non teñan cabida.
- Unha sociedade onde prevalezan o sentido común e a cultura do diálogo, na que haxa unha clara disposición a chegar a puntos de encontro, lonxe da crispación e de posicións extremistas e inflexibles.
- A loita pola plena igualdade entre homes e mulleres, apostando por unha sociedade equitativa a todos os niveis e defendendo a conciliación da vida familiar coa laboral.
- O fortalecemento do estado do benestar, onde existan unha educación, sanidade e servizos sociais públicos e de calidade, orientados a creación dunha maior calidade de vida para todos os galegos e galegas.
- Os intereses socioeconómicos da nosa terra sen prexuízo da solidariedade con outros pobos de España, de Europa e do mundo.
- Unha economía produtiva e competitiva, lonxe de políticas intervencionistas, onde se incentive o espírito emprendedor e se fomenten as iniciativas privadas que creen emprego de calidade e alto valor engadido.
- Os nosos sectores produtivos como piares de desenvolvemento social e económico nas zonas rurais de Galicia e, por tanto, como elementos vertebradores da nosa terra.
- O equilibrio entre a tradición e a modernidade, no que Galicia actúe como punta de lanza do aperturismo e a innovación, mais nunca a costa de renunciar aos nosos sinais de identidade.
- A vertebración territorial da nosa terra, na que a solidariedade entre todos os galegos e galegas rache coas diferenzas entre as zonas máis prósperas e as máis deprimidas.
- Un novo modelo territorial que aposte pola desaparición das deputacións provinciais e potencie o papel das comarcas e áreas metropolitanas como axentes creadores de sinerxías entre os concellos e como entes vertebradores que mellor se axustan á nosa realidade territorial.
- A autonomía e o fortalecemento económico dos concellos como institucións máis próximas aos cidadáns.
- Un ecoloxismo sensato e creativo, que defenda o uso dos nosos recursos naturais dunha forma racional e coherente co obxectivo de acadar un desenvolvemento sostible e equilibrado.
- A defensa da nosa lingua dentro dun verdadeiro bilingüismo, nunha sociedade na que todos os galegos teñamos o dereito a usar e o deber de coñecer o galego e o castelán. Na que ambas linguas teñan a mesma presenza tanto na educación como nas administracións públicas ou nos medios de comunicación. Unha Galicia na que os dous idiomas convivan xuntos dunha maneira harmoniosa, lonxe de crispacións e enfrontamentos.
- A promoción da nosa cultura, identidade e tradicións populares dentro dunha sociedade cosmopolita e aberta ao mundo.
- O vencellamento de Galicia cos seus residentes no exterior, así como cos seus descendentes, asegurando o dereito destes a beneficiarse dos servizos públicos galegos.
- A plena integración dos inmigrantes residentes na nosa terra, garantindo a estes os mesmos dereitos laborais e sociais que os demais galegos posúen, fomentando ademais a súa integración na nosa sociedade a todos os niveis.