Bochorno e frustración

Opinión de Suso de Toro en El País. Nun artigo de opinión escrito na edición galega de El País, o coñecido escritor compostelán fai unha dura crítica á deriva iniciada polo BNG nos últimos anos sinalando o seu distanciamento da sociedade galega así como a súa falta de transparencia e limpeza no goberno da Xunta.

Os anos da Xunta bipartita foron unha experiencia estraña e intensa. Para o conxunto do país foi un ensaio ao que asistiu, ¿era posible unha alternancia no poder autonómico ou non? Hai un par de meses a conclusión á que chegou a maioría do censo foi que non e votou en consecuencia. Pero para unha parte do electorado, o que conservaba a ilusión nas virtudes dun Goberno progresista para transformar Galicia nun país máis cívico e mellor foi unha experiencia devastadora.

É verdade que a imaxe dese Goberno foi deliberadamente ensuciada por unha campaña lanzada polos que agora ocupan o seu lugar, pero o que é certo é certo. Esta semana lemos informacións que non son desmentidas sobre asentos para conselleiros máis propios do trono dun emirato petrolífero que dunha institución democrática. Son significativas do distanciamento da sociedade e dunha cultura política rancia, provinciana e acomplexada que aniña nalgúns socialistas. Unha verdadeira lección de incivismo. Pero máis vergoña produce aínda a revelación de como o BNG transgrediu descaradamente as leis de limpeza e transparencia prometidas con empresas fantasma, que só poden ser vistas como tapadeiras para o financiamento irregular do partido.

Certo que o PP é o gran protagonista ultimamente dos escándalos de financiamento ilegal e corruptelas pintorescas. É un partido de base granítica pero está atrapado nunha película de traxes, espías e tesoureiros millonarios. Pero sucesos semellantes hóuboos en todos os partidos, o PSOE tivo os seus escándalos de financiamento nos anos noventa e actualmente é ERC en Cataluña quen está sendo sinalada por actuacións parecidas. Sen dúbida, hai para todos ou case. Pero no caso do Bloque esa imaxe que demostra a perda de toda inocencia, a súa transformación nun aparello semellante aos demais partidos, coas súas necesidades de financiamento e as súas pelexas internas por ocupar cargos e asegurarse postos nas listas, coincide co resultado das eleccións europeas.

En Galicia é o único resultado electoral significativo, pois o PP e o PSdeG obtiveron os votos previsibles. O Bloque pode aducir que foi unha campaña marcada pola tensión bipartidista, pero iso non lle impediu a outras forzas nacionalistas en Cataluña ou Euskadi conservar o tipo. Ese fracaso electoral non é outra caída máis dunha sucesión de reveses, senón que evidencia a crise profunda dunha opción política. O Bloque achégase de novo a ser unha opción minoritaria que non inflúe na sociedade nin representa a sectores cuantitativamente importantes.

O paradoxal é que nunca houbo tantas persoas en Galicia que se senten cidadáns galegos, nunca houbo tanta conciencia cívica galega, nunca tantos votos posibles para unha opción galeguista e de esquerda modernizadora. Iso reflicten as enquisas e iso vese ao noso ao redor. Aínda que agora veñan malversadores a utilizar a Xunta contra os obxectivos para os que foi creada, a autonomía deu os seus froitos. Hoxe Galicia é máis cívica e os galegos teñen máis orgullo de selo que hai trinta anos, cando, contra o "aldraxe", mobilizámonos e gañamos o autogoberno e o recoñecemento nacional.

É neste contexto onde o BNG foi esgotando a confianza dos seus electores posibles, que lle van dicindo elección tras elección que están dispostos a dar un voto a un partido galeguista e progresista e ese non é o Bloque. Pero, sendo esta a única organización de matriz galega existente, créase un bloqueo histórico: hai un galeguismo na sociedade que non se pode expresar adecuadamente, que utiliza ao Bloque de forma instrumental ás veces si ou non e cada vez menos. Pero a relación instrumental, o cinismo nas relacións, non dura eternamente, hai un electorado progresista que se sente frustrado e avergoñado. Frustrando as esperanzas e as enerxías máis construtivas non se constrúe país algún.

As eleccións europeas evidenciaron, unha vez máis, a distancia entre o mundo de ideoloxías e ideas do BNG e a sociedade, era demasiado evidente que como organización non cren realmente no proxecto da Unión Europea. E as persoas necesitamos crer en algo e que os nosos partidos crean en algo que sexa posible e real, non en soños que caducaron hai décadas. Iso é estar morto. Estar vivo é vivir entre a xente, na nosa sociedade e no noso tempo.