Dende 17-M apostamos por unha defensa do galego intelixente e en positivo. Lonxe de crispacións e sectarismos onde convivan xuntos dunha maneira harmoniosa cidadáns galegofalantes, castelánfalantes e bilingües. Defendendo un bilingüismo auténtico, que equipare o galego ao castelán a todos os niveis e apoiando ademais unha política lingüística baseada no consenso e no sentido común, onde non teñan cabida apartheids nin guetos lingüísticos.Trala aprobación do Estatuto de Autonomía hai xa case tres décadas e a posterior creación da Xunta de Galicia, a evolución do galego ao longo de todo este tempo non foi a agardada para a maioría da sociedade do país. Malia ter acadado importantes avances na súa normalización, a situación da nosa lingua continúa a ser francamente mellorable.
Se ben é certo que desde a chegada da democracia a nosa lingua conseguiu avanzar en moitos aspectos (creación dunha radio e televisión pública en galego, avance social na dignificación da lingua, incorporación no ensino e nas administración públicas, certa presenza nos medios de comunicación, edición de centos de libros en galego cada ano…), tampouco se pode negar que o galego continúa estando en completa inferioridade respecto do castelán en case todos os ámbitos da sociedade.
Así, no ensino non universitario, malia notarse certos avances, a situación do galego continúa a ser francamente mellorable, quedando aínda lonxe das cotas de presenza que ocupa o castelán. Aínda hoxe en día moitos nenos entran na escola falando galego e saen desta falando castelán. Pero se nos colexios e nos institutos a situación da nosa fala dista moito de ser a óptima, nas tres universidades do país semella aínda peor, habendo carreiras, en especial as de carácter máis técnico, nas que un alumno pode licenciarse sen ter cursado nin una soa materia en galego.
Do mesmo xeito, a presenza do galego nos medios de comunicación segue sendo minoritaria (caso da televisión, da prensa escrita ou da radio), ou mesmo marxinal (caso do cinema, como proba o feito de que case é imposible encontrar unha película en galego nos cines do país).
Todos os estudos sociolingüísticos, en maior ou menor medida, confirman unha mesma realidade: o galego continúa a retroceder e cada ano que pasa o número de galegofalantes diminúe. E aínda que a curto e medio prazo non perigue a súa continuidade, de manterse esta tendencia, a supervivencia do galego si podería perigar no futuro.
Se ben é certo que nos quince anos de gobernos de Manuel Fraga a política lingüística levada a cabo distou moitísimo de ser a ideal (subordinando constantemente o galego ante a lingua castelá), non menos certo é que o traballo realizado neste campo polo bipartito PSOE-BNG tampouco foi o correcto.
A manifesta falta de interese dos socialistas polo noso idioma por un lado e a defensa sectaria deste por parte do Bloque polo outro, lonxe de axudar a mellorar a situación do galego contribuíu a empeorala.
Nesta mesma lexislatura a utilización partidista do galego (tanto a prol como en contra) e o emprego da lingua como arma electoral por parte de diferentes partidos políticos e asociacións extremistas provocou unha crispación sen precedentes na nosa sociedade que nulo favor fai a convivencia entre todos os galegos.
A maioría dos galegos e galegas cremos nunha Galicia bilingüe de verdade, lonxe de extremismos e posicións radicais. Unha Galicia onde convivan sen problemas cidadáns castelánfalantes, galegofalantes e bilingues. Na que todos teñamos o dereito a usar e o deber de coñecer ambas linguas. En condicións de igualdade. Unha Galicia na que galego e castelán convivan xuntos dunha maneira harmoniosa, lonxe de crispacións e enfrontamentos.
Para iso instamos Goberno Galego a aprobación dos seguintes ACORDOS:
1.1 A que aplique, na súa interpretación e concepto orixinais, a Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade, polo parlamento galego no ano 2004.
1.2 A que rexeite o apartheid e os guetos lingüísticos desbotando a idea de separar aos alumnos en función do idioma e apostando por unha educación 50% en galego e 50% en castelán para todos eles (sen contar as materias impartidas en inglés ou noutras linguas foráneas) partindo da base de que os nenos que hoxe medran e xogan xuntos e que no futuro vivirán xuntos deben de educarse xuntos.
1.3 Garantir o dereito a todos os galegos e galegas a ser atendidos diante de calquera administración pública na lingua que estes prefiran.
1.4 Realizar as políticas oportunas para que a presenza do galego nos medios de comunicación sexa similar á do castelán.
2. Facer unha aposta polo consenso como elemento básico para a elaboración de políticas lingüísticas que aposten pola convivencia e a harmonía entre ambas falas.
3. Apoiar unha defensa do galego en positivo, lonxe de posicións sectarias e extremistas.
4. Rexeitar o uso partidista do galego e condenar a utilización deste como arma política.