Outra visión histórica do galeguismo (I): A chegada da democracia

A traxectoria do nacionalismo galego nos últimos tempos. Ao longo destas tres últimas décadas os intentos por crear un partido nacionalista e interclasista na nosa terra foron moi numerosos e variados. Aínda que daquela, hai xa vinte ou trinta anos, entre estes mesmos partidos poderían existir grandes diferenzas ideolóxicas, todas aquelas formacións tiñan algo en común: o feito de interpretar o noso país en clave nacional e sempre desde unha perspectiva aberta, moderada e disposta a chegar a puntos de encontro para facilitar o consenso. Consenso máis importante, se cabe, naqueles tempos nos que a democracia aínda estaba dando os seus primeiros pasos.

A morte de Castelao en 1950 e a consolidación definitiva de Franco no poder acabarían desencadeando a desaparición do histórico Partido Galeguista da IIª República. Os seus dirixentes, esgotados e desmoralizados despois de ver como as grandes potencias occidentais recoñecían ao réxime franquista, decidiron deixar de lado a loita política e apostar unicamente pola loita cultural creando a Editorial Galaxia.

Os primeiros movementos, na clandestinidade

Terían que pasar 13 anos, en 1963, para que un grupo de galeguistas fundasen na clandestinidade o PSG (Partido Socialista Galego), de perfil socialista e nacionalista no que, entre outros, se encontraban Sebastián Martínez Risco, Salvador García Bodaño, Ramón Piñeiro, Xosé Manuel Beiras Torrado, Ramón Lugrís ou Francisco Fernández del Riego. Este último sería o seu primeiro presidente. O PSG rivalizaría ao longo de moitos anos coa daquela tamén recen fundada Unión do Pobo Galego. Malia que ambas formacións eran nacionalistas e de esquerdas, o PSG representaba a unha esquerda aberta, pragmática e posibilista, fronte a unha UPG marxista, antisistema, infexible e rupturista coa tradición galeguista. A UPG acabaría sendo o partido dominante do despois creado BN-PG (Bloque Nacional Popular Galego), anos mais tarde coñecido como BNG.

En 1974, estando o ditador aínda vivo, Domingo García-Sabell (que anos despois acabaría sendo Delegado do Goberno en Galicia e Presidente da Real Academia Galega) lideraría a creación do Partido Socialdemócrata Galego (PSDG). Esta formación de corte socialdemócrata considerábase socialista e humanista declarándose ademais a favor do dereito de autodeterminación e do federalismo.Pouco tempo despois, en 1976, Xaime Illa Couto (histórico galeguista dos anos 30) crea xunto con outros galeguistas de corte conservador o Partido Popular Galego (PPG). Esta forza, de ideoloxía democristián definíase como galeguista, federalista e humanista. Dentro das filas do PPG encontrábase o que acabaría sendo nos anos oitenta presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor. Ante a celebración en xuño de 1977 das primeiras eleccións democráticas en España despois de máis de corenta anos, o PSDG e o PPG deciden aliarse para concorrer xuntos a estes comicios.


1977, un mal comezo para o nacionalismo galego

Os resultados obtidos nesta cita electoral para o PPG-PSDG foron moi negativos, obtendo só 23.000 votos (o 2% do total), quedando sen representación no Congreso dos Deputados e situándose a moita distancia dos nacionalismos vasco e catalán.Pero non só foron uns malos comicios para o PSDG e o PPG. Tamén resultaron pésimos para o Partido Socialista Galego (PSG), que cun cadro de dirixentes amplamente mellor formado e preparado que o do PSOE en Galicia quedaba situado moi por detrás deste ao lograr soamente 27.000 votos (2,4%) e ningún escano fronte os 175.000 votos e tres deputados do PSOE.

A única noticia positiva para o galeguismo nestas eleccións foi a obtención de tres senadores e máis de douscentosmil votos para a Candidatura Democrática Galega. Nesta formación, de corte galeguista e independente que presentaba listas unicamente á cámara alta, se encontraban entre outros, galeguistas históricos como Manuel Iglesias Corral, Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo ou Valentín Paz Andrade. Este último, en calidade de senador acabaría representando á nosa terra nas cortes, na chamada Comisión dos Dez, grupo que precedeu e preparou o labor dos poñentes da Constitución.



Nace o POG e refúndase o Partido Galeguista

Pasadas estas eleccións, uns meses despois tería lugar o nacemento do POG (Partido Obreiro Galego), tamén de esquerdas e nacionalista. Esta formación, fronte ao inmobilismo da UPG, era partidaria dun maior pluralismo ideolóxico, da colaboración con outras forzas e da aceptación da autonomía como un primeiro paso no autogoberno. O POG inicialmente estaría liderado por Xan López Facal e Camilo Nogueira. Pero non acabaría aquí a creación de novos partidos, nin moito menos. O PSDG e o PPG, despois do fracaso da súa coalición nas eleccións xerais do 77, deciden aumentar a súa relación unificándose nunha única forza política. Dita formación levaría por nome Partido Galeguista (PG). Os integrantes da coalición PSDG-PPG deciden recuperar as siglas deste histórico partido ao considerarse herdeiros lexítimos del.En novembro de 1978 celebrouse unha Asemblea Constituínte sendo elixidos presidente Ramón Martínez López e secretario xeral Avelino Pousa Antelo.

Este novo Partido Galeguista definíase como nacionalista, democrático, progresista e interclasista.

Nace Unidade Galega; chegan os primeiros éxitos

Para as eleccións xerais de 1979 o Partido Obreiro Galego (POG), o Partido Galeguista (PG) e o Partido Socialista Galego (PSG) deciden ir coligados baixo unha mesma marca: Unidade Galega. A finalidade da coalición era a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados que puidese negociar un bo Estatuto de Autonomía para Galicia.

Nestes comicios, malia tampouco obter representación, Unidade Galega logra uns dignos resultados ao obter máis de 55.000 votos (un 5,4%), logrando un número de votos similar ao do BN-PG.Pero habería que agardar uns poucos meses máis, ás eleccións locais do 79, para que a coalición formada por POG, PG e PSG baixo as siglas de Unidade Galega dese os seus primeiros froitos. Nestes comicios Unidade Galega logra case 69.000 votos (6,35%) e 141 concelleiros. Despois de chegar a un acordo co PSOE, UG accede ademais a alcaldía da Coruña da man de Domingo Merino Mejuto. Estas serían as primeiras eleccións nas que os resultados obtidos se poderían considerar, pasado o tempo, como satisfactorias para o nacionalismo galego moderado.